Xogo de peóns


“Non é da benevolencia do alfil ou do cabalo que esperamos nosa supervivencia, senon da sua relación co seu propio interés. Non nos diriximos a sua humanidade senon ao seu egoismo e non lles falamos de nosas necesidades, sempre do seu proveito".
-Huntal Smith (peza de xadrez)-

 Unha das regras mais interesantes, das moitas que se foron incorporando ao xadrez, é a coroación ou promoción.
 O caso é que cando un peón avanza paseniño, se agochando e resistindo en cada posición conquistada, evitando as couces dos cabalos e franqueando as torres mentras esquiva ao alfil e á poderososa raíña, pode chegar ao outro lado do taboeiro.  Nese caso, o fiel escudeiro adquire o poder de calquera desas pezas que non lle deron morte no camiño.
 Se o rei contrario está a tiro, excepcionalmente elixe ser cabalo, pero o normal é que prefira a coroa da raíña.
 Rei só pode ter un, ainda ninguén se treveu a alterar esa norma.

 En teoria, evidentemente imposíbel na práctica, poderíanse conseguir tantas raíñas como peóns, logo oito. Daquela, contando coa raíña de berce, poderianse xuntar no taboeiro nove raíñas de cada cor; dezaoito no total. 
Dezaseis delas nascidas plebeas, pero todas con igual poder.
 Este fenómeno teórico, alén dunha revolución social perfecta ao situar tódalas pezas no cumio da pirámide convivindo nun xusto horizontal, é tamén unha revolución de xénero, onde aguerridos milicianos da vella escola se convirten en raíñas cando triunfan.
 Ten todo de bo.
 Por suposto o normal é que case ningún peón consega a fazaña e vaian caindo, sacrificados en beneficio de pezas mais importantes, collidos a traizón, ou sendo capturados ao paso por peóns veciños.

 O taboeiro desde o ar

 Despois dun tempo disfrutando e sufrindo as partidas rápidas que se adoitan xogar no Brasil (un taboeiro de mais de oito millóns de kilometros cuadrados) pasei de novo ás partidas lentas do taboeiro europeo, só un chisco mais grande.
 Nos dous campionatos o xogo é entre mestres, pero ainda que a historia otorga mais experiencia aos europeo, non hai que caer no erro de subestimar aos impredicibles contrincantes adiestrados na maior economía de América Latina. E sexta mundial, ou quinta ou duodécima, segundo quen goberne.
 As aperturas no Brasil son agresivas, con abundancia de gambitos e contragambitos. O ataque ás posicións do rei son constantes, saian ben ou mal. Non hai escaque seguro, non hai regras seguras.
 Pero a mais clara diferencia é como se distribuen as pezas.
 No Brasil, onde aproximadamente un 30% da poboación é considerada pobre, o xogo é a base de peóns, mais de cincuenta millóns de pezas sen rei definido.
 Por outro lado están as pezas brancas. Son só o 1% do total pero cun aplastante 30% de poder económico aplicado na defensa das primeras filas do taboeiro.
 Case ningún dos centos de milleiros de peóns de negras consegue sobrepasalas para coroarse. Se acaso algunha figura portentosamente dotado para o deporte ou a música que gañe o beneplácito da corte e poida avanzar no colo do povo.
 Ou algúns casos de talento natural que avanzan e chegan a base de esforzo, intelixencia e estudo, faltaría mais. Habelos hailos, pero sobran dedos.



 Desde o avión, partindo, sereo, indo.... contemplei ese taboeiro de pezas enfrentadas, co mar da " Baía de Todos os Santos" de fondo e lembrei o xoven e iluso que era cando creín que Bergman resolvería a partida cun simple xaque pastor do cabaleiro cruzado.
Agora sei que a única estratexia posible é tentar coroar peóns mentras a morte perde o tempo.





Comentarios

Publicacións populares